Cómo hacerte socio

Si estás interesado en formar parte de nuestro colectivo, DESCARGA el fichero de inscripción de socios y nos lo remites.

FORO

FORO en nuestra web para COLECCIONISTAS de armas: http://foro.coleccionistadearmas.com/

Estatutos definitivos inscritos en el Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia



Estatutos da Asociación Galega de Coleccionistas
e Afeccionados de Armas de Fogo



CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL


Artigo 1º.- Constitúese en Sarria unha asociación sen ánimo de lucro que se denominará Asociación Galega de Coleccionistas e Afeccionados de Armas de Fogo. A asociación rexerase polos presentes estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións e polas demáis lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º.-
1. O domicilio principal e permanente da asociación radicará na localidade de Lugo, rúa Ramiro Rueda, 16-6ºC, C.P. 27003, con teléfono 639 425 719 e con e-mail: tirogalicia@yahoo.es
2. Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutras cidades mediante acordo da Asemblea Xeral, que terá atribucións para cambiar tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó organismo encargado do rexistro de asociacións.

Artigo 3º.- A asociación, en funcións dos seus fins e da situación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-
1. A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2. A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5º.- Son fins principais da asociación:
a) Coñecemento e difusión da historia e evolución das armas de fogo antigas, históricas e de avancarga.
b) Asesoramento legal e información para ós socios e afeccionados ás armas antigas, históricas, artísticas, de avancarga e de fogo en xeral.
c) Promoción do estudio das armas e o recoñecemento da súa importancia patrimonial no desenvolvemento da Historia da Humanidade.
d) Axuda e promoción dos colectivos relacionados coa colección de armas.
e) Fomento e promoción das modalidades recoñecidas legalmente, presentes e futuras, de tiro deportivo, cinexético e lúdicas nas que se empregan armas de fogo antigas ou históricas.
f) Calquera outro fin que determine a Xunta Directiva ou a Asemblea de socios.

Artigo 6º.- Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:
a) Colaborar cos clubes de tiro, asociacións e clubes cinexéticos galegos ou de calqueira outro ámbito xeográfico para organizar actividade deportiva coas armas de fogo antigas, históricas ou de avancarga.
b) Organizar cursos para enseñar o uso e manexo en condicións de seguridade destas armas antigas ou históricas, así como realización de cursos de recarga de munición metálica ou semimetálica para que os socios e aficionados galegos teñan os coñecementos axeitados para a práctica con estas armas en todas as modalidades deportivas, cinexéticas e lúdicas amparadas legalmente actuais ou futuras.
c) Informar e asesorar, facendo uso dos medios de comunicación axeitados, de tódalas novas temáticas en relación  coas armas deportivas, cinexéticas ou lúdicas e o seu uso.
d) Expedir os documentos necesarios, dentro da legalidade vixente, para acadar ou renovar a condición de coleccionista de armas antigas ou históricas e das súas réplicas.
e) Promover charlas informativas e foros de debate sobre a Historia das armas e as súas municións.
f) Organizar visitas guiadas ós museos de armas e histórico-militares, fábricas de armas, así como calqueira instalación civil ou militar relacionada coas armas antigas ou históricas en calquera ámbito xeográfico.
g) Crear unha biblioteca básica temática a disposición dos socios e afeccionados ás armas antigas ou históricas.
h) Colaborar con outras asociacións similares.
i) Calquera outra actividade que decida a Xunta Directiva ou a Asemblea de Socios.

Artigo 7º.- Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.




CAPÍTULO II
DOS SOCIOS


Artigo 8º. -
1. Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas con plena capacidade de obrar e persoas xurídicas tralo acordo do órgano competente, que non teñan débedas pendentes coa asociación e que reúnan os seguintes requisitos:
a) Facer unha petición por escrito á Xunta Directiva da asociación xustificando o seu interese polas armas antigas ou históricas, o coleccionismo destas ou das súas municións, e o seu uso nas modalidades de tiro olímpico e deportivo.
b) Abona-las cotas de ingreso e anuais que determine a Xunta Directiva.
2. Os acordos de admisión de asociados tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida.  
3. Poderán ser integrantes da asociación na súa sección xuvenil os menores non emancipados de máis de 14 anos co consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban supli-la súa capacidade.

Artigo 9º.- Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:
a) Fundadores: aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
b) Numerarios:aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
c) Honorarios: aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.
d) Colaboradores: aquelas persoas que colaboren de calquera xeito coa asociación nas súas actividades e así llo recoñeza a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.
e) Xuvenís: aquelas persoas de entre 14 anos cumpridos e 20 sen cumprir que participen na asociación. Estarán integradas na sección xuvenil, se é o caso.

Artigo 10º.- Os asociados teñen os seguintes dereitos:
1. Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exerce-lo dereito de voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.
2. Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
3. Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a asociación poda obter.
4. Recibir copia destes estatutos.
5. Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da asociación.
6. Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
7. Impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.

Artigo 11º.- Son obrigas dos asociados:
1. Acatar os contido dos estatutos.
2. Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.
3. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
4. Asistir ás asembleas xerais.
5. Satisfacer as cotas que se establezan.
6. Observar unha boa conduta individual e cívica.
7. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.

Artigo 12º.- Os asociados honorarios, colaboradores e xuvenís menores de 18 anos non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación desta, estando  facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.
  
Artigo 13º.-
1. A condición de asociado pérdese:
a) Por vontade propia. Neste suposto, o asociado deberá realizar unha petición escrita e procederá ó aboamento previo de todas as cotas que teña pendentes.
b) Por falta de pago de 4 cotas.
c) Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da asociación, previo expediente disciplinario.
d) Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
2. A expulsión de asociados nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado.
3. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 14º.-
1. Os asociados poderán pedir a separación temporal por escrito.
2. A Xunta Directiva poderá acorda-la separación temporal dun asociado cando se estea tramitando un expediente sancionador ou concorran causas xustificados que o aconsellen, tales como o atraso no pago dalgunha cota ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún dos fins da asociación.
3. O expediente sancionador recollerase no regulamento de réxime interno, pero, en todo caso, a resolución poderase recorrer perante a xurisdición ordinaria.




CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 15º.- A dirección e administración da asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 16º.-
1. O Presidente da asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os asociados que teñan polo menos un ano de antigüidade e o seu mandato durará catro anos. Será asistido nas súas funcións por un Secretario, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
2. O Presidente terá as seguintes atribucións:
a) Representa-la asociación perante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidi-las sesións que celebre a Xunta Directiva; presidi-las sesións da Asemblea Xeral; dirixi-las deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executa-los acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordea-los pagamentos acordados validamente.
e) Asina-las actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 17º.-  
1. A Xunta Directiva estará formada por un Presidente, un Secretario, un Tesoureiro e dous vocais, cargos que deberán recaer en asociados que leven polo menos un ano na asociación.
2. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.
3. A Asemblea Xeral será a competente para elixi-los cargos da Xunta Directiva. A súa duración será por un período de catro anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.
4. Os cargos cesarán na súa función por:
            a) facelemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
            b) renuncia voluntaria.
            c) transcurso do prazo para o que foron elixidos.
            d) acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado polos dous terzos dos asociados reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
5. A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.
6. As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.
7. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por tres persoas, que exercerán as funcións de Presidente, Secretario e Tesoureiro.
8. O persoal de secretaría, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará, ademáis, a súa retribución.

Artigo 18º.- A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
1. Programar e dirixi-las actividades asociativas.
2. Leva-la xestión administrativa e económica da asociación.
3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
4. Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral.
5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
6. Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados.
9. Propoñe-lo plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da asociación.

Artigo 19º.
1. A Xunta Directiva será convocada polo Presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
2. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do Presidente e o Secretario ou persoa que o substitúa.
3. O Secretario ou, no seu defecto, o vocal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

Artigo 20º.- Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos Presidentes.

Artigo 21º.- A Asemblea Xeral de asociados é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por todos os integrantes desta. O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

Artigo 22º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 23º.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada ano. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente da Xunta Directiva.
A notificación farase nos locais da asociación para as asembleas ordinarias e no domicilio dos asociados para as asembleas extraordinarias.

Artigo 24º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1. Aproba-la acta da reunión anterior.
2. Aproba-lo plan de actividades.
3. Examinar e aproba-la memoria de actividades.
4. Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.
5. Aproba-los orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
6. Aproba-la cuantía das cotas anuais de socios.

Artigo 25º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1. Modifica-los estatutos da asociación.
2. Elixir e cesar ós integrantes da Xunta Directiva.
3. Aproba-la federación con outras asociacións.
4. Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
5. Acorda-la disolución da asociación.
6. Designa-los liquidadores.
7. Ratifica-la expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva.
8. Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación.
9. Aproba-lo regulamento de réxime interno da asociación.
10. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la súa convocatoria sen grave prexuízo para a asociación.
11. Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 26º.- A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do Presidente e o Secretario ou persoa que o substitúa. 

Artigo 27º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos os apartados 1 ao 7 do Artigo 24, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ó libro de actas e asinarán o Presidente e máis o Secretario da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 28º.- Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a tódolos asociados, incluso ós non asistentes.  
As sesións abriranse cando así o determine o Presidente. De seguido, procederase por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o Secretario procederá a introduci-la orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.
Unha vez rematados todos os asuntos da orde do día, procederase a facer un quenda de rogos e preguntas e a adopción de acordos. Concluída esta quenda, o Presidente levantará a sesión.

Artigo 29º.- Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.
  
Artigo 30º.-
1. O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade.
2. Correspóndelle, así mesmo, notifica-las convocatorias, custodia-las actas e expedir certificacións co visto e prace do Presidente.
3. Levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido ó efecto.
4. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do Secretario, o Presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.

Artigo 31º.-
1. O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, dirixirá a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, e participa en todas as operacións de orde económico.
2. O Tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á realización da Asemblea Ordinaria.

Artigo 32º.- Os vocais, no número que determine a Asemblea Xeral, terán as seguintes atribucións:
1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2. Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.




CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 33º.- A asociación, no momento de inicia-las súas actividades non dispón de patrimonio. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 34º.- A asociación funcionará en réxime de orzamento anual, con partidas de ingresos e gastos. O Tesoureiro da asociación elaborará o borrador de orzamento que deberá telo preparado antes do 1 de xaneiro, a fin de que poda ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 35º.- A asociación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas dos asociados.
2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 36º.- A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias, que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atende-las necesidades da asociación..

Artigo 37º.- Anualmente, con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas que se formalizarán nunha memoria e que será posta a disposición dos asociados durante un periodo non inferior a 15 días ó sinalado para a realización da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.

Artigo 38º.- Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do Presidente e do Tesoureiro.

Artigo 39º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados os recursos obtidos pola asociación..




CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 40º.- O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ó ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 41º.- Os ditos estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polos dous terzos dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

Artigo 42º.- A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 43º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados liquidadores, que xunto co Presidente e o Tesoureiro, procederán para efectua-la liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 44º.- O Haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.